12/11/26

Charla QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES!

O pasado xoves 12 de novembro, o alumnado de 3º da ESO participou nunha nova sesión do programa «Que non te líen, ti elixes», desenvolvida na biblioteca do noso centro e organizada polo Departamento de Orientación.

Esta iniciativa da Xunta de Galicia busca favorecer unha orientación académica e profesional libre de estereotipos de xénero, axudando á mocidade a tomar decisións sobre o seu futuro sen deixarse condicionar por prexuízos ou ideas preconcebidas sobre as profesións.

A través de charlas didácticas e espazos de reflexión, o programa aborda a escasa presenza feminina en ámbitos profesionais tradicionalmente masculinizados, como a construción, a madeira, as TIC, o metal, a automoción ou o sector do mar. Tamén promove o coñecemento de referentes femininos nestes ámbitos e cuestiona os estereotipos que condicionan as eleccións profesionais.

Nesta ocasión contamos coa presenza de Irene González, team leader en NTT DATA, profesional do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), que compartiu a súa experiencia e achegou ao alumnado a realidade dun ámbito profesional con escasa representación masculina.

Unha oportunidade para descubrir novas posibilidades, ampliar horizontes e entender que as capacidades, os intereses e as motivacións persoais deben estar por riba de calquera prexuízo.

Porque non hai profesións de rapazas nin de rapaces. Hai profesións para quen queira escollelas!



11/11/26

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas




Novembro é o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, unha iniciativa que se celebra desde 2014 e que está vinculada ao Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, que ten lugar cada 10 de novembro.

Esta conmemoración pretende espertar a curiosidade científica e reivindicar o galego como lingua válida para investigar, aprender, experimentar e divulgar coñecemento.

Desde os misterios do universo ata os segredos do fondo do mar, a ciencia tamén se pode descubrir na nosa lingua.

Na biblioteca do IES Marqués de Sargadelos atoparás unha selección de libros para explorar o fascinante mundo científico, descubrir novas ideas e alimentar a túa curiosidade.

Porque a ciencia tamén se le, se descobre e se comparte en galego.

10/11/26

Visita a Repsol

O martes 10 de novembro, o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Superior de Química Industrial do IES Marqués de Sargadelos realizou unha visita ás instalacións de Repsol na Coruña.

Esta actividade permitiulles coñecer de primeira man o funcionamento dunha industria química de referencia, achegándose aos procesos industriais, ás instalacións e ás tecnoloxías empregadas no sector.

A visita constitúe unha excelente oportunidade para complementar os contidos traballados na aula, relacionar os coñecementos teóricos coa realidade profesional e descubrir as posibles saídas laborais vinculadas á Química Industrial.

Desde o IES Marqués de Sargadelos queremos agradecer a Repsol a súa acollida e a oportunidade de achegar o noso alumnado ao mundo da industria química.

Unha experiencia enriquecedora para seguir aprendendo e construíndo o seu futuro profesional!





09/11/26

Concurso de Tarxetas de Nadal

Chega o Concurso de Postais de Nadal ao IES Marqués de Sargadelos! 

O equipo de Biblioteca, xunto co Departamento de Debuxo e o EDLG, convídavos a participar no noso Concurso de Postais de Nadal. 

📌 Pode participar todo o alumnado da ESO.

📅 Data límite de entrega: 11 de decembro.

📍 Podes entregar o teu traballo na Biblioteca ou no Departamento de Debuxo.

🏆 Haberá premios para os 3 mellores traballos!

É hora de deixar voar a imaxinación, sacar a creatividade e encher o Nadal de arte! 

Anímate a participar! 


06/11/26

Visita aos Xulgados e ao Vello Cárcere de Lugo

O xoves 5 de novembro, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato realizou unha saída didáctica a Lugo para coñecer de primeira man diferentes institucións e espazos vinculados á xustiza e á historia. Ambas as actividades foron organizadas polo Departamento de Economía do IES Marqués de Sargadelos.

O alumnado de 2º de Bacharelato visitou os Xulgados de Lugo, onde tivo a oportunidade de achegarse ao funcionamento da Administración de Xustiza, coñecer a súa organización e comprender mellor o seu papel na sociedade. A visita permitiulles relacionar os contidos traballados na aula coa realidade das institucións xudiciais.

Pola súa banda, o alumnado de 1º de Bacharelato visitou o Vello Cárcere de Lugo, un edificio histórico rehabilitado como espazo cultural. Durante o percorrido, puido coñecer a historia deste antigo cárcere e achegarse á memoria das persoas que estiveron alí presas, así como a diferentes aspectos da historia contemporánea relacionados coa represión e a memoria histórica.

Esta saída didáctica permitiu complementar a formación académica do alumnado mediante experiencias directas fóra da aula, favorecendo a reflexión sobre a xustiza, os dereitos, as institucións e a memoria histórica.

Unha xornada de aprendizaxe que conectou os coñecementos académicos coa realidade social e histórica, enriquecendo a formación do noso alumnado.




Programa Zinkers Repsol

Un premio que recoñece o noso compromiso coa sustentabilidade!

O IES Marqués de Sargadelos recibiu  o xoves 5 de novembro o premio na categoría de Educación Secundaria dos Premios Zinkers, impulsados pola Fundación Repsol, un recoñecemento ao traballo realizado arredor da sustentabilidade e a transición ecolóxica.

A xornada comezou cunha visita á nave de Coleo, no polígono industrial da Laracha, onde coñecemos de primeira man o proceso de selección e clasificación da roupa destinada á reciclaxe. Unha experiencia para descubrir como os residuos téxtiles poden converterse en novos recursos e contribuír á economía circular.

A continuación, celebrouse o acto de entrega dos premios, conducido polo mago Jorge Luengo, que combinou a presentación do evento con sorprendentes e extraordinarios números de maxia, facendo da xornada unha experiencia aínda máis especial.

Durante o acto tamén tivemos a oportunidade de reflexionar sobre a sustentabilidade e a importancia de avanzar cara a modelos de produción e consumo máis responsables.

Parabéns tamén aos outros centros premiados: o CEIP Rosalía de Castro e o CIFP Someso, ambos da Coruña. 

Un recoñecemento que nos anima a seguir aprendendo, innovando e traballando por un futuro máis sostible! 











03/11/26

G.P.A.: monólogos en galego para a mocidade

Mentras se celebraba o magosto para o alumnado de 1º da ESO na tarde do luns 2 de novembro, os seus compañeiros e compañeiras de 2º e 3º da ESO gozaron de sendos monólogos do programa G.P.A. (Galego Para Adolescentes), protagonizados polo actor e contacontos Avelino González. A actividade foi organizada polo EDLG.

A través do humor, da narración e da interacción co público, Avelino González achegou o galego á realidade cotiá da mocidade, nunha proposta pensada para fomentar o uso da nosa lingua entre os adolescentes e mostrar que o galego tamén é unha lingua para rir, comunicarse, crear e gozar.

Unha xornada de outono, na que tradición, diversión e lingua galega se deron a man para celebrar a nosa cultura no instituto.