Amosando publicacións coa etiqueta Aulas de emprendemento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aulas de emprendemento. Amosar todas as publicacións

16/12/24

Visita Agroamb (Ponte de Outeiro)

Esta visita realizada tamén no mes de decembro á empresa Agroamb desenvolveuse dentro do programa Aulas de emprendemento.

O alumnado de FP, desde o grao básico ata ao superior, viaxou a Ponte de Outeiro para visitar dita empresa e coñecer de primeira man o seu traballo.

En agroamb dedícanse á valorización de residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola. En resumo, o seu traballo é converter certos residuos en recursos.







Experiencia emprendedora

O pasado 12 de decembro recibimos a visita de Andrea González Río, emprendedora mariñá, que veu falarnos da súa experiencia dentro das charlas que se desenvolveron grazas ao programa Aulas de Emprendemento.






28/11/24

Obradoiros Aulas de emprendemento

Obradoiros realizados o pasado trimestre por @pildorasdigitales.es para a formación de Aulas de Emprendemento.

"A torre máis alta do mundo", "A Jenga", " Dinámicas para traballar a persistencia, a frustración e a actitude" e por último un "Escape Room de habilidades".

O alumnado traballou habilidades como a empatía, o traballo en equipo, a capacidade de reacción, a priorización de criterios etc.
















22/11/24

Visita á refinería de Repsol e Pencil&Fork na Coruña

A semana pasada tivo lugar a segunda viaxe dentro de "Aulas de Emprendemento" do IES Marqués de Sargadelos.

O alumnado e profesorado do Ciclo Superior en Química Industrial desprazouse ata as instalacións da refinería que Repsol ten na Coruña e na cal o noso alumnado ten a posibilidade de realizar a "Formación en Centros de Traballo" e desde este ano tamén a formación dual intensiva no 2º curso. Alí ademais de ensinarnos as súas instalacións faláronnos da historia da refinería, as súas adaptacións para ser máis sostibles e a gran importancia das chamadas habilidades brandas ou "soft skills" á hora de traballar, xa sexa por conta allea ou á hora de emprender un negocio propio.

Posteriormente, na rúa Alfredo Vicenti, ao carón da praia de Riazor, o xerente de “Pencil&Fork” @pencilandfork_galicia falounos da súa experiencia emprendedora coa que quedamos marabillados. David é licenciado en Química e despois de estar traballando en importantes posicións en universidade e empresa tanto en Cataluña como en Chicago e Londres, foi nesta última cidade onde decidiu emprender o seu propio negocio. Tras a pandemia el e a súa parella decidiron voltar a Galicia e adaptar o negocio londinense á cidade da Coruña. Ambos destacan a importancia de adaptarse ao cliente, algo que vai cambiando co tempo, así como ter confianza e paciencia, o uso de novas tecnoloxías e o saber idiomas para captar clientes de outros países, no seu caso moitos cruceiristas que están de paso na cidade.












24/10/24

Visita a Ins3rtega S.L. e Port Alé

Primeiro día de visitas dentro do programa de Aulas de emprendemento na Formación Profesional.

Este mércores o alumnado de FP do IES marqués de Sargadelos visitou Insertega en Arteixo Insertga S.L., unha empresa pioneira na xestión de residuo téxtil e economía circular. O xerente, Juan Meijide, falounos das orixes da súa idea e como foi evolucionando ata o día de hoxe. Así tamén coñecemos a súa filial Equore que produce revestimentos a partir de residuos téxtiles, evitando que acaben incinerados ou en vertedoiros.

Despois da primeira visita desprazámonos ata o porto de Santa Cruz en Oleiros. Alí ,Marta Galán, fundadora de Cervexas artesanas Port Alé falounos entre outras cousas sobre a súa inquietude emprendedora dende que era moi nova, as dificultades atopadas nas diferentes fases dos seus proxectos empresariais e o que considera fundamental á hora de crear unha empresa: formación, planificación, relacións e actitude.

Terminada a charla de emprendemento comemos nas súas instalacións de Porto Alé.