22/11/24

Visita á refinería de Repsol e Pencil&Fork na Coruña

A semana pasada tivo lugar a segunda viaxe dentro de "Aulas de Emprendemento" do IES Marqués de Sargadelos.

O alumnado e profesorado do Ciclo Superior en Química Industrial desprazouse ata as instalacións da refinería que Repsol ten na Coruña e na cal o noso alumnado ten a posibilidade de realizar a "Formación en Centros de Traballo" e desde este ano tamén a formación dual intensiva no 2º curso. Alí ademais de ensinarnos as súas instalacións faláronnos da historia da refinería, as súas adaptacións para ser máis sostibles e a gran importancia das chamadas habilidades brandas ou "soft skills" á hora de traballar, xa sexa por conta allea ou á hora de emprender un negocio propio.

Posteriormente, na rúa Alfredo Vicenti, ao carón da praia de Riazor, o xerente de “Pencil&Fork” @pencilandfork_galicia falounos da súa experiencia emprendedora coa que quedamos marabillados. David é licenciado en Química e despois de estar traballando en importantes posicións en universidade e empresa tanto en Cataluña como en Chicago e Londres, foi nesta última cidade onde decidiu emprender o seu propio negocio. Tras a pandemia el e a súa parella decidiron voltar a Galicia e adaptar o negocio londinense á cidade da Coruña. Ambos destacan a importancia de adaptarse ao cliente, algo que vai cambiando co tempo, así como ter confianza e paciencia, o uso de novas tecnoloxías e o saber idiomas para captar clientes de outros países, no seu caso moitos cruceiristas que están de paso na cidade.