Amosando publicacións coa etiqueta 1º ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1º ESO. Amosar todas as publicacións

16/06/26

ATLETISMO EN PISTA

O luns 15 de xuño pola tarde tivemos unha actividade de achegamento ás actividades deportivas do Concello de Cervo, organizada polo Departamento de Educación Física nas pistas municipais de atletismo.

Os adestradores Olga Vicente e Jaime Seijas foron os encargados de presentar, dunha forma práctica e dinámica, varias modalidades de atletismo que o alumnado poderá practicar o vindeiro curso dentro do CD San Ciprián.

Grazas a Olga Vicente, Jaime Seijas e ao CD San Ciprián pola súa colaboración e por achegar o atletismo á nosa comunidade educativa.







11/06/26

Premios Concurso de Pontes


Xa temos gañadores do Concurso de Pontes de 1º da ESO!

Nesta edición produciuse un empate na máxima puntuación, polo que dous equipos comparten o primeiro posto tras destacar pola súa creatividade, estética, estabilidade e excelente execución técnica.

Equipo F:

  • Daniela de la Plaza Calvo
  • Iria Baltar Canoura
  • Celia Basanta Antuña
Equipo G;
  • Roi Bajatierra Sante
  • Julen Bermúdez Pulido
  • Iván Baltar Canoura
As persoas premiadas recibiron un diploma acreditativo e un divertido bolígrafo con forma de ferramenta como recoñecemento ao seu excelente traballo.
Ademais, todo o alumnado participante foi agasallado con lambetadas e chocolates como agradecemento pola súa implicación, esforzo e  entusiasmo ao longo do proxecto.
Parabéns aos equipos gañadores e a todo o alumnado de 1º da ESO pola calidade dos traballos presentados.

09/06/26

Entrega diplomas "E para dixitalizarse, Lugo"

O alumnado de 1º e 2º da ESO recibiu os seus diplomas tras participar na formación sobre o uso seguro e responsable de internet.

Esta actividade forma parte do programa "E para Dixitalizarse, Lugo", impulsado para promover as competencias dixitais e fomentar o uso seguro, responsable e consciente das tecnoloxías.

Parabéns ao noso alumnado polo seu interese, participación e compromiso con esta iniciativa. A educación dixital é unha ferramenta fundamental para construír unha cidadanía máis preparada, crítica e segura no mundo conectado de hoxe.




Visita exposición "ARTE E HUMOR. O ENXEÑO DE ANTONIO MINGOTE"

Viñetas que fan sorrir, debuxos que convidan a pensar e arte contada con moito humor.

O alumnado de 1º da ESO asistiu á inauguración da exposición "Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote" e tivo a opurtunidade de mergullarse no universo creativo dun dos grandes mestres do humor gráfico.

Da man de Afundación, a Obra Social de Abanca e a Fundación Antonio Mingote, a mostra propón un percorrido moi especial pola historia da arte vista desde a ironía, a intelixencia e a creatividade.

Unha experiencia diferente e enriquecedora na que o noso alumnado puido descubrir que a arte tamén fai rir, emocionar e reflexionar ao mesmo tempo.

Moitas grazas ao Concello de Cervo pola invitación e por seguir achegando a cultura ao alumnado.

04/06/26

Exposición PONTES

O Departamento de Tecnoloxía organizou esta semana unha exposición na galería do primeiro andar coas pontes realizadas polo alumnado de 1º da ESO.

Ao longo do proxecto, deseñaron e construíron diferentes modelos de pontes, empregando materiais diversos e achegando solucións creativas e innovadoras.

A mostra permite poñer en valor o traballo realizado na aula e compartir coa comunidade educativa os resultados deste interesante proxecto. Ademais nas creacións presentadas tivéronse en conta aspectos como a estética, a creatividade, a estabilidade das estructuras e o esforzo investido na súa elaboración.

Parabéns polo gran traballo realizado!







21/05/26

VOLUNTARIADO XUVENIL CONCELLO DE CERVO





O xoves 21 de maio recibimos no noso IES a visita da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés.

A alcaldesa achegou ao alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato información sobre o programa de voluntariado xuvenil do Concello de Cervo, destacando a importancia da participación da mocidade en iniciativas sociais e comunitarias.

Un encontro moi enriquecedor para coñecer novas oportunidades de colaboración, aprendizaxe e compromiso coa contorna.

Ademais a alcaldesa regresou o xoves 28 de maio para informar ao alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO sobre o programa "Voluntariado miúdo", unha iniciativa dirixida a mozos e mozas menores de 15 anos que promove valores como a solidariedade, a convivencia e a participación activa na sociedade.

CORRELINGUA 2026

Ribadeo converteuse o mércores 20 de maio nun gran espazo de celebración da lingua galega coa nova edición do Correlingua.

Nesta xornada festiva e reivindicativa participou tamén o alumnado de 1º de ESO do noso centro, compatindo unha experiencia chea de música, convivencia e compromiso co galego.

O Correlingua é unha iniciativa educativa e lúdica que promove o uso da nosa lingua entre a mocidade, reunindo cada ano milleiros de estudantes arredor da defensa e celebración do galego.



18/05/26

Educación afectivo-sexual FAPACEL

A educación afectivo-sexual foi a protagonista das charlas desenvolvidas o luns 18 de maio para o alumnado de 1º e 2º da ESO, nunha actividade organizada pola ANPA do IES Marqués de Sargadelos, e ofertada por FAPACEL.
As sesións foron impartidas pola matrona Sonia, quen abordou cuestións relacionadas coa afectividade, o respecto, a igualdade, a diversidade e as relacións saudables, promovendo a reflexión e o diálogo entre o alumnado. 
Este tipo de iniciativas contribúen ao desenvolvemento persoal e emocional da mocidade e favorecen unha convivencia baseada no respecto e na educación en valores.
A educación afectivo-sexual constitúe unha ferramenta fundamental para fomentar relacións responsables, libres de violencia e construídas desde a empatía e o bo trato.





13/05/26

DOMUS e CASA DAS CIENCIAS

O martes 12 de maio o alumnado de 1º e 3º da ESO puxo rumbo a A Coruña para vivir unha xornada chea de ciencia, tecnoloxía de descubrimentos.
Pola mañá desfrutaron dunha proxección e dunha visita á Domus, explorando o fascinante mundo do ser humano e da ciencia interactiva. Pola tarde continuou a aventura na Casa das Ciencias e no seu planetario, viaxando entre estrelas e galaxias.
Un día diferente para aprender, experimentar e compartir grandes momentos!
Actividade organizada polos departamentos de Tecnoloxía e Bioloxía.








28/04/26

Charla CLUB DE PIRAGÜISMO SAN CIBRAO

O Club de Piragüismo San Cibrao visitou o noso centro na tarde do luns 27 de abril.

Durante dúas sesións, ofreceron charlas informativas ao alumnado de 1º e 2º da ESO, animándoos  a descubrir e practicar este apaixonante deporte.

Grazas pola vosa visita e por compartir a vosa experiencia con nós!