Amosando publicacións coa etiqueta 2º ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 2º ESO. Amosar todas as publicacións

16/06/26

ATLETISMO EN PISTA

O luns 15 de xuño pola tarde tivemos unha actividade de achegamento ás actividades deportivas do Concello de Cervo, organizada polo Departamento de Educación Física nas pistas municipais de atletismo.

Os adestradores Olga Vicente e Jaime Seijas foron os encargados de presentar, dunha forma práctica e dinámica, varias modalidades de atletismo que o alumnado poderá practicar o vindeiro curso dentro do CD San Ciprián.

Grazas a Olga Vicente, Jaime Seijas e ao CD San Ciprián pola súa colaboración e por achegar o atletismo á nosa comunidade educativa.







09/06/26

Entrega diplomas "E para dixitalizarse, Lugo"

O alumnado de 1º e 2º da ESO recibiu os seus diplomas tras participar na formación sobre o uso seguro e responsable de internet.

Esta actividade forma parte do programa "E para Dixitalizarse, Lugo", impulsado para promover as competencias dixitais e fomentar o uso seguro, responsable e consciente das tecnoloxías.

Parabéns ao noso alumnado polo seu interese, participación e compromiso con esta iniciativa. A educación dixital é unha ferramenta fundamental para construír unha cidadanía máis preparada, crítica e segura no mundo conectado de hoxe.




REPOBOACIÓN ÁRBORES AUTÓCTONAS

 De monte queimado... a monte con futuro!

O alumnado de 2º da ESO do IES Marqués de Sargadelos puxo as mans na terra para participar na repoboación con árbores autóctonas na zona de Riocobo, afectada polos incendios de hai meses.

Unha mañá diferente para aprender, colaborar e devolverlle a vida ao noso entorno.

Actividade organizada polo Departamento de Bioloxía en colaboración co Concello de Cervo e coa participación do Programa Voz Natura.

21/05/26

VOLUNTARIADO XUVENIL CONCELLO DE CERVO





O xoves 21 de maio recibimos no noso IES a visita da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés.

A alcaldesa achegou ao alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato información sobre o programa de voluntariado xuvenil do Concello de Cervo, destacando a importancia da participación da mocidade en iniciativas sociais e comunitarias.

Un encontro moi enriquecedor para coñecer novas oportunidades de colaboración, aprendizaxe e compromiso coa contorna.

Ademais a alcaldesa regresou o xoves 28 de maio para informar ao alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO sobre o programa "Voluntariado miúdo", unha iniciativa dirixida a mozos e mozas menores de 15 anos que promove valores como a solidariedade, a convivencia e a participación activa na sociedade.

18/05/26

Educación afectivo-sexual FAPACEL

A educación afectivo-sexual foi a protagonista das charlas desenvolvidas o luns 18 de maio para o alumnado de 1º e 2º da ESO, nunha actividade organizada pola ANPA do IES Marqués de Sargadelos, e ofertada por FAPACEL.
As sesións foron impartidas pola matrona Sonia, quen abordou cuestións relacionadas coa afectividade, o respecto, a igualdade, a diversidade e as relacións saudables, promovendo a reflexión e o diálogo entre o alumnado. 
Este tipo de iniciativas contribúen ao desenvolvemento persoal e emocional da mocidade e favorecen unha convivencia baseada no respecto e na educación en valores.
A educación afectivo-sexual constitúe unha ferramenta fundamental para fomentar relacións responsables, libres de violencia e construídas desde a empatía e o bo trato.





14/05/26

Charla MENORES NIN UNHA GOTA

O mércores 13 de maio, o alumnado de 2º e 3º da ESO asistiu a dúas charlas do programa Menores nin unha gota, impulsado pola Fundación Alcohol y Sociedad.
Nestas sesións abordouse a importancia de previr o consumo de alcohol en menores, analizando os seus efectos para a saúde, especialmente no cerebro en desenvolvemento, así como os riscos asociados a condutas pouco seguras.
Tamén se traballaron estratexias para tomar decisións responsables, resistir á presión do grupo e fomentar hábitos de vida saudables.
Unha iniciativa clave para sensibilizar e acompañar á nosa mocidade no camiño cara un estilo de vida máis consciente e saudable.




28/04/26

Charla CLUB DE PIRAGÜISMO SAN CIBRAO

O Club de Piragüismo San Cibrao visitou o noso centro na tarde do luns 27 de abril.

Durante dúas sesións, ofreceron charlas informativas ao alumnado de 1º e 2º da ESO, animándoos  a descubrir e practicar este apaixonante deporte.

Grazas pola vosa visita e por compartir a vosa experiencia con nós!



16/04/26

Visita á exposición "BALEAS A FLOTE"

O xoves 15 de abril, o alumnado de 2º da ESO visitou a exposición "Baleas a flote: Arte en madeira e mar" na Casa da Cultura de San Cibrao.

Durante a visita, o alumnado puido achegarse á arte a través de esculturas elaboradas con madeiras e materiais recuperados do mar, descubrindo ao mesmo tempo a importancia da conservación dos océnanos e a riqueza da nosa tradición mariñeira.

A mostra forma parte do proxecto "Tornaviaxe polo Cantábrico", que percorre simbolicamente os antigos portos baleeiros, unindo historia, arte e conciencia ambiental.

Unha experiencia enriquecedora que combina aprendizaxe, creatividade e respecto polo medio natural.

10/04/26

Visita SOGAMA e CASA DAS CIENCIAS

O pasado xoves 9 de abril, o alumnado de 2º da ESO realizou unha saída didáctica ás instalacións de Sogama en Cerceda e á Casa das Ciencias na Coruña.

A actividade foi organizada polo departamento de Tecnoloxía, co obxectivo de achegar ao alumnado coñecementos da xestión de residuos e á divulgación científica.

Unha xornada moi enriquecedora, na que puideron aprender de forma práctica e descubrir novos ámbitos da ciencia e da tecnoloxía.