ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS E EXTRAESCOLARES
IES MARQUÉS DE SARGADELOS - San Cibrao - Cervo
29/09/26
22/06/26
ANDAINA FIN DE CURS0
Despedimos o curso entre natureza, amizade e bos momentos!
No último día lectivo deste curso, o alumnado do IES Marqués de Sargadelos participou nunha fermosa andaina polo entorno natural da nosa vila.
Ao longo da mañá percorremos o litoral de San Cibrao e achegámonos ata o Guioncho, gozando da paisaxe, do aire libre e da compañía dos nosos compañeiros e compañeiras.
Foi unha xornada de convivencia, confraternidade e amizade, perfecta para pechar un curso cheo de aprendizaxes, esforzos e experiencias compartidas.
Agora chega o momento de descansar, recargar enerxías e dar a benvida ás merecidas vacacións de verán.
Grazas a toda a comunidade educativa por facer posible un curso máis cheo de momentos para lembrar.
Feliz verán a todas e todos!
19/06/26
Videoclip STROMAE de TOUS LES MEMES
Durante estes últimos días de curso, as alumnas de 3º de Francés aprenderon a letra, os bailes e prepararon esta versión do mítico videoclip Tous les mêmes de Stromae, que vos deixamos aquí.
Detrás deste traballo hai moitas horas de ensaio, creatividade, esforzo e ilusión, e o resultado non podería ser máis especial.
Xiana quere agradecer especialmente a este grupo a súa paciencia, motivación e implicación ao longo destes meses. Tamén ao alumnado de diferentes cursos que colaborou na elaboración de parte do decorado e axudou a facer posible este proxecto.
Merci beaucop à toutes et à tous pour votre travail et votre enthousiasme!
Prenez bien soin de vous, bonnes vacances e bonne vie!
18/06/26
Premio III LIGA DE CONVIVENCIA
O xoves 18 de xuño, o grupo de 4º ESO gañador da III Liga de Convivencia desfrutou dunha fantástica xornada no Aquapark de Cerceda.
Deseño portada axenda escolar
Xa temos a persoa gañadora do concurso da portada da axenda escolar 2026/2027 do IES Marqués de Sargadelos!
O Departamento de Educación Plástica e Visual escolleu o deseño que acompañará ao noso centro durante o vindeiro curso... e a artista premiada foi
IRIA BALTAR CANOURA, de 1º de ESO A
Parabéns polo seu talento, creatividade e imaxinación.
Estamos desexando ver a túa creación nas mans de todo o alumnado o próximo curso!
Ademáis, o xurado quixo recoñecer cun accésit os magníficos traballos de Antía e Paula, pola súa calidade e orixinalidade.
Queremos agradecer tamén a participación de todo o alumnado que presentou os seus traballos. Animámosvos a seguir participando en novas edicións.
LER O MUNDO
Ao longo deste curso, o alumnado de 4º da ESO, na materia de Lingua Castelá e Literatura, desenvolveu o proxecto Ler o mundo, unha investigación arredor de catro grandes temas da literatura universal: o odio, a vinganza, a guerra e a diversidade LGTB+.
A través da lectura de fragmentos literarios e do diálogo con obras de arte de distintas épocas, o alumnado foi construíndo murais colectivos nos que a literatura e arte se atopan para contar unha mesma historia: a da experiencia humana.
Cada imaxe, cada cita e cada reflexión forman parte dun proceso de investigación, interpretación e creación que invita a mirar o mundo con espírito crítico, curiosidade e sensibilidade.
Porque a literatura non é só aquilo que lemos, senón aquilo que nos axuda a comprender quen somos, quen fomos e o que queremos ser.
Parabéns ao alumnado polo seu traballo e pola calidade dos murais realizados!
16/06/26
Aberto por vacacións
Chega o verán e tamén máis tempo para descubrir novas historias, aprender e deixar voar a túa mente.
O Equipo de Biblioteca anima a todo o alumnado a aproveitar as vacacións de verán para gozar da lectura.
Para iso, poderedes levar libros en préstamo da biblioteca do nos instituto e desfrutar deles durante os meses de descanso. Hai propostas para todos os gustos: novelas, cómics, aventuras, misterio, ciencia ficción, divulgación e moito máis.
Ler no verán é unha excelente maneira de relaxarse, viaxar sen saír do sitio e vivir mil aventuras a través das páxinas dun libro. Ademais é unha oportunidade perfecta para desconectar un pouco das pantallas e conectar coa imaxinación.
Achégate á biblioteca e escolle a túa próxima lectura antes de comezar as vacacións!





































