Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca. Amosar todas as publicacións

16/06/26

Aberto por vacacións

Chega o verán e tamén máis tempo para descubrir novas historias, aprender e deixar voar a túa mente.

O Equipo de Biblioteca anima a todo o alumnado a aproveitar as vacacións de verán para gozar da lectura.

Para iso, poderedes levar libros en préstamo da biblioteca do nos instituto e desfrutar deles durante os meses de descanso. Hai propostas para todos os gustos: novelas, cómics, aventuras, misterio, ciencia ficción, divulgación e moito máis.

Ler  no verán é unha excelente maneira de relaxarse, viaxar sen saír do sitio e vivir mil aventuras a través das páxinas dun libro. Ademais é unha oportunidade perfecta para desconectar un pouco das pantallas e conectar coa imaxinación.

Achégate á biblioteca e escolle a túa próxima lectura antes de comezar as vacacións!





26/05/26

O PRACER DE LER, de Andrea Maceiras

Desde o equipo de Biblioteca e o EDLG do IES Marqués de Sargadelos queremos recomendar unha lectura moi especial: O pracer de ler, da escritora galega Andrea Maceiras.

Andrea Maceiras é unha das voces máis destacadas da literatura xuvenil galega actual. Nas súas obras aborda temas moi próximos á adolescencia, como a identidade, as emocións, as relacións persoais ou a importancia de atopar o propio lugar no mundo. En O pracer de ler, a autora reflexiona sobre o valor da lectura e sobre como os libros poden axudarnos a comprender mellor a realidade, acompañarnos nos momentos difíciles e abrirnos novas maneiras de pensar e sentir.

Trátase dunha lectura amena, sensible e moi próxima ao alumnado da ESO, ideal para descubrir que ler no é só unha actividade escolar, senón tamén unha fonte de emoción, aventura e crecemento persoal.

Un libro moi recomendable para seguir fomentando o gusto pola lectura en galego.

Achégate ao recuncho da biblioteca e bótalle un ollo!

15/05/26

LETRAS GALEGAS 2026

 

No IES Marqués de Sargadelos unímonos á celebración do Día das Letras Galegas lembrando a figura de Begoña Caamaño (1964-2014), escritora, xornalista e referente do feminismo galego contemporáneo.

A través da súa obra e do seu compromiso coa lingua e a cultura galega, Begoña Caamaño deixou unha fonda pegada na literatura do noso país, dando voz ás mulleres desde unha mirada crítica, libre e comprometida.

Nesta data tan especial queremos reivindicar a importancia de seguir coidando e transmitindo o galego, patrimonio vivo que nos identifica como pobo.

Ler, crear e vivir en galego é tamén unha forma de manter viva a nosa cultura.

NESTA LIGAZÓN PODES ATOPAR INFORMACIÓN SOBRE BEGOÑA CAAMAÑO


24/04/26

DÍA DO LIBRO

 O 23 de abril celebramos o Día do Libro, unha data na que se conmemora a importancia da lectura e o poder das palabras, así como a maxia das historias que nos levan a novos mundos, ideas e emocións. Este día ten un significado especial, xa que coincide co falecemento de grandes autores da historia, como Miguel de Cervantes e William Shakespeare, converténdose así nun símbolo universal da cultura e da lectura.

Cada libro é unha porta aberta á imaxinación, á aprendizaxe e ao crecemento persoal.
Desde o Equipo de Biblioteca, quixemos sumarnos a esta celebración cunha coidada selección de libros e propostas pensadas especialmente para o noso alumnado, fomentando así o amor pola lectura e o descubrimento de novas historias.
Porque ler non só nos ensina, tamén nos conecta, nos inspira e nos transforma.

22/04/26

Charla ADICIÓNS DIXITAIS E APOSTAS ONLINE (Garda Civil)

O mércores 22 de abril, o alumnado de 3º e 4º da ESO do noso centro participou nunha charla impartida pola Garda Civil dentro do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos.

Durante a sesión abordáronse temas de gran relevancia para a mocidade, como a prevención de apostas online e as adicións dixitais, así como fomentar o uso responsable das tecnoloxías.

Grazas á Garda Civil pola súa colaboración.




17/03/26

Día Internacional do Cómic

  Hoxe, 17 de marzo, celebramos o Dia Internacional do Cómic.

Esta data conmemora a importancia do cómic como forma de expresión artística e cultural, recoñecendo o seu valor na literatura e na creación de historias que chegan a todas as idades.

Na biblioteca do centro atoparedes un recuncho especial con suxestións de cómics para todos os gustos: historia, manga, aventura, humor, misterio,...

Animádevos a descubrir novas historias en viñetas!

Pásate, bótalle un ollo e leva o teu favorito!



13/03/26

Charla ALCOA

Dentro da conmemoración do 8M, o venres 13 de marzo celebramos no noso IES unha charla da Fundación ALCOA, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato e 1º curso do Ciclo Superior de Química Industrial.
Un encontro moi enriquecedor no que traballadoras das plantas de Alcoa compartiron a súa experiencia profesional co alumnado do centros educativos da súa contorna.

O obxectivo?
- Dar visibilidade ás carreiras técnicas.
- Promover vocacións científico-tecnolóxicas.
- Achegar referentes femininos ao ámbito industrial.

Un paso máis para inspirar o talento do futuro!

26/02/26

Inicio do Torneo de Xadrez

 O xoves 26 de febreiro comezou na biblioteca o noso Torneo de Xadrez no IES Marqués de Sargadelos, no segundo recreo.





24/02/26

DÍA DE ROSALÍA

 Cada 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía, unha data moi especial para a cultura galega, pois conmemora o nacemento de Rosalía de Castro (1837–1885), unha das figuras máis importantes da nosa literatura.

Rosalía foi pioneira na defensa da lingua galega nun momento no que estaba relegada ao ámbito oral. Coa publicación de Cantares Gallegos en 1863, marcou o inicio do Rexurdimento, devolvéndolle ao galego o seu prestixio como lingua literaria. Outras obras destacadas como Follas Novas e En las orillas del Sar amosan unha voz íntima, comprometida e profundamente humana.

Na biblioteca queremos renderlle homenaxe cunha pequena exposición de libros, poemas e materiais sobre a súa vida e obra. Animámosvos a achegarvos, descubrir ou redescubrir os seus versos e celebrar a forza dunha autora que segue a emocionarnos hoxe.

Porque Rosalía non é só pasado: é identidade, é lingua e é memoria viva.




Charla SEXUALIDADE RESPONSABLE

 Na tarde do 23 de febreiro, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato asistiu a unha charla sobre sexualidade responsable, organizada polo Departamento de Orientación.

Da man de María González Cociña, do Centro M (Burela), traballáronse aspectos fundamentais como a prevención, o autocoidado, o respecto, o consentimento e a toma de decisións informadas, nun espazo de diálogo aberto e próximo.

Eduación afectivo-sexual para unha vida máis saudable e consciente.





12/02/26

11 FEBREIRO. Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia

 O 11 de febreiro, celebramos o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, unha data promovida pola Organización das Nacións Unidas para visibilizar o papel das mulleres na investigación científica e tecnolóxica.

Desde a biblioteca do IES sumámonos á conmemoración cunha pequena selección de libros e materiais sobre mulleres científicas e referentes femininos en diferentes ámbitos da ciencia. Esta iniciativa busca espertar vocacións, romper estereotipos e lembrar que a ciencia tamén se constrúe en feminino. 

Animámosvos a achegarvos á biblioteca, descubrir as lecturas propostas e inspirarvos nas historias de tantas mulleres que abriron camiño.



26/01/26

As mochilas viaxeiras

 Comeza a viaxe lectora! 

Hoxe fixemos entrega das Mochilas Viaxeiras ao alumnado de 1º da ESO, unha iniciativa organizada polo Equipo de Biblioteca.

As mochilas levan no seu interior libros variados para compartir en familia, descubrir novas historias e fomentar o gusto pola lectura máis alá da aula. Cada mochila inicia agora unha nova aventura, pasando de casa en casa, chea de imaxinación, aprendizaxe e emocións.

Boas lecturas e boa viaxe!




CONTACONTOS bilingüe en galego/inglés

Na biblioteca do noso IES vivimos unhas sesións moi especiais: contacontos bilingüe en galego e inglés dirixido ao alumnado de 2º e 3º da ESO. Foi organizado polo Departamento de Inglés.

Da man de Charo Pita e Sofia Maul (nativa de lingua inglesa), as historias foron fluíndo entre dúas linguas, enchendo o espazo de imaxinación, curiosidade e moitas ganas de escoitar. Unha experiencia que demostra que os contos non entenden de fronteiras e que aprender linguas tamén pode ser pura maxia.

Grazas por esta viaxe chea de palabras, voces e emocións.




23/01/26

Presentación cartaz IV Torneo de Xadrez

O equipo de Biblioteca presenta o IV Torneo de Xadrez do noso centro. Unha oportunidade perfecta para poñer a proba a estratexia, concentración e paixón polo xadrez.
Esta actividade está aberta a todo o alumnado

 

15/01/26

E PARA DIXITALIZARSE, LUGO. Uso seguro e responsable de internet.

O alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Marqués de Sargadelos segue formándose no mundo dixital.
Participamos no programa "E para dixitalizarse, Lugo", impulsado pola Deputación de Lugo e financiado con fondos europeos. 
Ao longo de varias sesións, o noso alumnado aprenderá sobre o uso seguro, responsable e consciente de internet, unha competencia clara no día a día actual.
As actividades comezaron o xoves 15 de xaneiro, e continuarán os días 29 de xaneiro  e 5 de febreiro.
Seguimos apostando pola educación dixital de calidade!


15/12/25

Concurso POSTAIS DE NADAL




 Xa temos gañadoras e gañadores do Concurso de Postais de Nadal!

Desde o IES Marqués de Sargadelos queremos felicitar ao alumnado participante pola súa creatividade, orixinalidade e implicación. Este concurso, que contou cunha moi alta participación do alumnado, foi organizado polo equipo de biblioteca, o departamento de Artes Plásticas e o equipo de Dinamización da Lingua Galega, puxo en valor o talento artístico e o uso do galego entre o noso alumnado.

Parabéns ás persoas gañadoras e grazas a todas e todos os participantes por encher o Nadal de arte.

1º premio: Iria Baltar Canoura

2º premio: Irea Río Labaén

3º premio: Claudia López Rivas