Amosando publicacións coa etiqueta DInamización Lingüística. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta DInamización Lingüística. Amosar todas as publicacións

09/06/26

Así falamos nosoutras

Mógaros, margotas, ariegos, lampo, raño de dous dentes, ladrairos, leiteirios, mochenos, soédrego, lámparo, pelouro, escutrulido, ceboleada, felgos, feligras...E o golpe, o animal máis antigo do país, que coñece profundamente a nosa fala, que dicía Cunqueiro.

Estas son unhas das poucas das palabras que o alumnado de 1º de Bacharelato recolleu nesta primavera. Da casa, das amigas, dos parentes, da infancia, dos docentes do instituto ou da orella ben posta no sitio certo da comarca da Mariña foron parar a un dos taboleiros do centro, coa colaboración do EDLG, para que calquera poida abrir os sobres que as conteñen e ler a súa definición escrita polo alumnado.










28/05/26

Taboleiro do EDLG sobre BEGOÑA CAAMAÑO

"Naceu en outubro de 1964"
"Miraba o mundo de xeito diferente"
"De nena xogaba ao aire libre no patio"
"Defendía as zonas verdes no seu barrio"
"Tivo unha nai que cada noite lle lía poesías"
"Era moi soñadora"
"A súa avoa Carmiña foi unha figura fundamental"
"Reescribiu os mitos de xeito feminista"
"O seu legado é o compromiso e a liberdade"

Estes son algúns dos titulares que o alumnado do IES Marqués de Sargadelos quixo resaltar sobre a figura de Begoña Caamaño no maio das Letras Galegas, que encheron o taboleiro do EDLG, que impulsou a actividade no centro.

26/05/26

O PRACER DE LER, de Andrea Maceiras

Desde o equipo de Biblioteca e o EDLG do IES Marqués de Sargadelos queremos recomendar unha lectura moi especial: O pracer de ler, da escritora galega Andrea Maceiras.

Andrea Maceiras é unha das voces máis destacadas da literatura xuvenil galega actual. Nas súas obras aborda temas moi próximos á adolescencia, como a identidade, as emocións, as relacións persoais ou a importancia de atopar o propio lugar no mundo. En O pracer de ler, a autora reflexiona sobre o valor da lectura e sobre como os libros poden axudarnos a comprender mellor a realidade, acompañarnos nos momentos difíciles e abrirnos novas maneiras de pensar e sentir.

Trátase dunha lectura amena, sensible e moi próxima ao alumnado da ESO, ideal para descubrir que ler no é só unha actividade escolar, senón tamén unha fonte de emoción, aventura e crecemento persoal.

Un libro moi recomendable para seguir fomentando o gusto pola lectura en galego.

Achégate ao recuncho da biblioteca e bótalle un ollo!

15/05/26

LETRAS GALEGAS 2026

 

No IES Marqués de Sargadelos unímonos á celebración do Día das Letras Galegas lembrando a figura de Begoña Caamaño (1964-2014), escritora, xornalista e referente do feminismo galego contemporáneo.

A través da súa obra e do seu compromiso coa lingua e a cultura galega, Begoña Caamaño deixou unha fonda pegada na literatura do noso país, dando voz ás mulleres desde unha mirada crítica, libre e comprometida.

Nesta data tan especial queremos reivindicar a importancia de seguir coidando e transmitindo o galego, patrimonio vivo que nos identifica como pobo.

Ler, crear e vivir en galego é tamén unha forma de manter viva a nosa cultura.

NESTA LIGAZÓN PODES ATOPAR INFORMACIÓN SOBRE BEGOÑA CAAMAÑO


12/05/26

Música tradicional polas Letras Galegas


Comezamos a semana das Letras Galegas!

Na tarde do luns 11 de maio o patio dianteiro encheuse de música, baile e tradición galega coa actuación de A Rebolaxe de San Cibrao e Mistura de Lieiro.

Alumnado do centro participou vestido co traxe tradicional galego, cantando, bailando e tocando a pandeireta, facendo desta xornada unha celebración moi especial da nosa cultura.

Esta actividade foi organizada polo EDLG para festexar as Letras Galegas e seguir mantendo viva a nosa tradición.

Moitas grazas a ambas asociacións pola súa presenza, colaboración e por compartir connosco a música da nosa terra.








16/04/26

Exposición AVES DE PASO

O EDLG do noso centro presenta unha exposición sobre as aves de paso.

Está situada  no seu taboleiro da entrada do instituto, onde poderás coñecer 13 aves migratorias que pasan por Galicia, os diferentes nomes que reciben en galego, o seu nome científico e tamén refráns e coplas da nosa tradición.

Unha proposta para achegarse á lingua e á cultura dun xeito sinxelo e interesante.

Pasa, le e descobre!

10/03/26

VIDEOXOGOS EN GALEGO

No taboleiro da EDLG presentamos unha pequena campaña informativa sobre videoxogos dispoñibles en galego. Unha mostra para descubrir que tamén se pode xogar, explorar mundos e vivir aventuras na nosa lingua.

Nesta exposición poderás coñecer algúns títulos, proxectos e iniciativas que apostan polo galego no ámbito dos videoxogos.

Descubre novas formas de xogar en galego!

13/02/26

RECEITAS DE ENTROIDO

O Entroido tamén sabe a tradición!
O alumnado de 1º  e 2º da ESO, coa colaboración das súas familias, gravou diferentes recetas de sobremesas tradicionais do Entroido para recuperar e compartir os sabores máis doces da nosa contorna.
Unha actividade para poñer en valor as receitas de sempre, transmitidas de xeración en xeración. e gozar da cociña en familia.
Foi actividade organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística do IES Marqués de Sargadelos.

Concurso de disfraces ENTROIDO 26

O venres 13 de febreiro o instituto encheuse de cor, creatividade e moito humor no Concurso de Disfraces de Entroido, organizado polo Departamento de Activades Extraescolares e Complementarias e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega.
Viviuse con moita risa, humor e moita imaxinación.
Aquí temos algunha das fotos da xornada e as persoas premiadas:

PREMIOS:
Categoría grupo:
1º premio: Ma-duro (4º ESO)
2º premio: Compañía do café: o final (2º bach)

Categoría parella/individual:
1º premio: Jack Sparrow (Lucía e Divane 4º ESO)
2º premio: King África (Irea e Clara 3º ESO)

Grazas a todo o alumnado por participar e poñerlle tanto ritmo ao instituto.









12/02/26

LEMAS POLO AMOR

 No mes de febreiro, na entrada do instituto, o Equipo de Dinamización Lingüística promoveu esta fermosa iniciativa.

O alumnado de 1º e 2º da ESO colaborou na creación desta decoración e destes lemas polo amor, o único que pode salvar a humanidade, as especies e o planeta da separación, do odio e da destrución.

É importante que non se vexa o amor coma un acto comercial: o amor non se expresa con agasallos comprados con diñeiro, senón a través do respecto e da tolerancia.







23/01/26

Presentación do Concurso de Disfraces de Entroido

O vindeiro venres 13 de febreiro, a partir das 12:50 h, celebrarase no Ximnasio do IES Marqués de Sargadelos o Concurso de disfraces de Entroido, dirixido a todo o alumnado do centro.
Co gallo desta actividade, preséntase o cartel oficial do concurso, no que se recollen de forma detallada as bases de participación. O alumnado poderá participar de maneira individual/parella ou en grupo, e haberá a posibilidade de realizar unha breve actuación como parte da posta en escea.
Esta actividade enmárcase dentro da programación de actividades extraescolares de Entroido, organizadas polo Centro e o Equipo de Dinamización Lingüística, co obxectivo de fomentar a creatividade, a convivencia e a participación do alumnado na vida do centro.
Invítase a todo o alumnado a partticipar nesta iniciativa lúdica e cultural.
 

16/01/26

Exposicións CANCIÓNS GALEGAS EN OT

 O galego tamén soa en Operación Triunfo

No taboleiro do EDLG na entrada do noso centro, o equipo de dinamización presenta unha pequena exposición sobre as cancións en galego que soaron en OT. Un percorrido por actuación que levaron a nosa lingua a un dos escenarios musicais máis coñecidos en televisión.

Unha oportunidade para lembrar estas interpretacións e comprobar que o galego tamén ten presenza na música actual e nos grandes programas das televisóns estatais.

Achégate e descúbreas!







15/12/25

Concurso POSTAIS DE NADAL




 Xa temos gañadoras e gañadores do Concurso de Postais de Nadal!

Desde o IES Marqués de Sargadelos queremos felicitar ao alumnado participante pola súa creatividade, orixinalidade e implicación. Este concurso, que contou cunha moi alta participación do alumnado, foi organizado polo equipo de biblioteca, o departamento de Artes Plásticas e o equipo de Dinamización da Lingua Galega, puxo en valor o talento artístico e o uso do galego entre o noso alumnado.

Parabéns ás persoas gañadoras e grazas a todas e todos os participantes por encher o Nadal de arte.

1º premio: Iria Baltar Canoura

2º premio: Irea Río Labaén

3º premio: Claudia López Rivas