O pasado 15 de outubro de 2026, o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato asistiu na Casa da Cultura de Burela á proxección do documental Palestina, una tragedia permanente, organizada polo Foro Social da Mariña.
O documental realizou un percorrido histórico polo complexo conflito palestino-israelí, centrándose especialmente nos acontecementos ocorridos desde outubro de 2023. A través de imaxes gravadas polos propios habitantes de Gaza, material de arquivo e declaracións de historiadores, xornalistas, políticos, filósofos e outras voces de relevancia internacional, achegou diferentes perspectivas sobre a realidade da poboación palestina e a evolución do conflito.
Tras a proxección, o alumnado participou nun coloquio co director do filme, Javier Díez Moro, que permitiu compartir impresións, formular preguntas e afondar nos diferentes aspectos abordados no documental.
A actividade constituíu un espazo de información, reflexión e diálogo, favorecendo o pensamento crítico e achegando o alumnado a unha realidade internacional de especial relevancia. Tamén permitiu traballar valores relacionados cos dereitos humanos, a cultura de paz, o respecto e a convivencia democrática.