O alumnado de 1º ESO do IES Marqués de Sargadelos realizou unha visita educativa a Santiago de Compostela, para visitar a feira InnovArt, celebrada na Cidade da Cultura de Galicia.
InnovArt é un encontro no que se amosan as ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas que se imparten en Galicia, a través de exposicións, actuacións en directo e obradoiros interactivos. O noso alumnado puido descubrir novas disciplinas, coñecer diferentes opcións formativas e gozar dunha xornada chea de aprendizaxe e creatividade.
Unha experiencia enriquecedora que lles permitiu aprender fóra da aula, compartir vivencias e inspirarse.




